A PEREGRINACIÓN DE MANUELA - RELATO GANADOR II CERTAMEN 2022

El relato ganador del II Certamen de Relatos Cortos Eufundevivo ha sido "A peregrinación de Manuela".

eufundevivo

5/20/20224 min read

A PEREGRINACIÓN DE MANUELA

Nun fogar moi humilde das Somozas, a piques de comezar o século XX, Nicolasa deu a luz a unha fermosa meniña á que lle chamaron Manuela. Era pleno mes de Nadal, a choiva non deixaba de bater contra a pequena xanela que había no cuarto e o vento asubiaba por debaixo da porta. Mentres a parteira engalanaba a pequena, Xulián, o pai da meniña, afanábase en traer leña para manter a calor no fogar.

A pesar da pobreza que se vivía por aquel entón, Manuela chegou a este mundo desbordando boa saúde. A súa cariña era redondiña, un nariz pequerrechiño e uns olliños negros como dúas contiñas. Os seus irmáns agardaban expectantes arredor da lareira para coñecer o novo membro da familia. Todos tiñan presa por ver se era loura ou moreniña, ata xa querían decidir si no seu futuro sería… cociñeira… costureira ou quen sabe se mestra… mais o que nunca imaxinaron foi o que o futuro tiña preparado para a recen nacida. Aquela meniña foi especial dende o primeiro día, chea de enerxía e sen parar de rir ollando para os seus irmáns. O tempo foi pasando e a meniña foi medrando, era moi obediente e facía todas as labores que lle encomendaban. Cada primavera que pasaba, Manuela medraba desfrutando entre as plantas e os árbores… en definitiva, descubrindo a súa paixón pola natureza. Os seus pais insistían en que tiña que aprender algún oficio, pois xa se estaba facendo unha muller casadeira, mais ela non tiña interese por ningún dos que lle propoñían e, moito menos, por casar. Non se atrevía a dicirlles que quería ser labrega, sabía que non sería do agrado de ninguén, pero así como obediente tamén era un pouco teimuda.

Finalmente, como era de esperar, decidiu facer o que mais lle gustaba. Tivo que ser forte e traballar arreo para poder dedicarse a aquilo que a facía plenamente feliz: ser a mellor labrega do lugar. E así foi, a xente comezou a saber da súa labor e chamábana para cultivar as fincas de todos os veciños. Dende patacas, repolo, cenorias ou remolacha a súa felicidade era moita ao ver medrar todos os seus cultivos, máis algo por dentro a conmovía e comezou a sentir a necesidade de rezar mentres traballaba. Un día alguén lle comentou que había unha peregrinación a un santuario chamado Santo André de Teixido, un lugar no que, segundo contaban, das montañas brotaban grandes rochas, o mar rachaba contra os acantilados, vacas, cabras e cabalos pastaban libres e sen outro límite que non fose o mar, e por riba de todo iso, había un santuario do que se dicía que vai de morto o que non vai de vivo. Ela comezou a ter moito interese por ese lugar, era algo que ía medrando dentro dela, non sabía o razón, pero cada vez medraba máis e máis o seu desexo de coñecer esa paraxe.

Cada día comezaba o seu labor de labrega, e botaba todo o seu xornal pensando en facer ese camiño, xa que, por suposto, ela quería ir de viva. Seguía coidando con especial agarimo as súas hortas, das cales brotaban todo tipo de verduras e hortalizas, parecía que cada folla e cada flor lle pedía que acudira a Santo André. Era unha sinal, era o seu momento.

Chegou o día, Manuela ergueuse aínda máis cedo do que tiña de costume. Vestiu a súa mellor muda, peiteou o seu longo cabelo e fixo unha trenza a cal asegurou ben enroscada con varios prendidos na cabeza, enfundou o seu pano (que non podía faltar), puxo as súas zocas relucentes coma dous soles e comezou a súa andaina para atoparse cos demais peregrinos. Foi un longo viaxe, ela sabía que ía ser un duro xornal. Polo camiño non faltaron risas e contos entre todos os camiñantes, contos e lendas daquel santo, pero ela parecía que non escoitaba nada que non fora unha chamada de algo superior, unha voz mesturada con un ruxido que semellaba as ondas do mar. Cada paso que daba, Manuela estaba mais emocionada, ó mesmo tempo que impaciente por chegar. No momento que puido divisar o acantilado, o seu corazón estivo a piques de saír voando. Simplemente perfecto, unha marabilla que ninguén podía describir con palabras. De feito, precisou un bo anaco para saber se o que os seus ollos lle amosaban era real. Cando puido recompoñerse, comezou a baixar por aqueles carreiros cheos de pedras e por fin, o Santo…Alí quedou petrificada ante a capela, ata que un aire fresco fixo mover o seu pano, respirou profundamente e os seus ollos encheron de bágoas. Nunca tanta emoción sentira xunta. Entrou na capela e, e de xeonllos rezou dando grazas, grazas porque Deus a levara ata aquel lugar, grazas polas súas colleitas, pola saúde da que gozaba, grazas a Santo André por facerlle aquela chamada, por todo o que puido ver e aprender dende que aquela mañá ben cediño saíra da súa casa.

O saír da capela, unha muller de avanzada idade agasallouna con un ramiño dunha herba que ela non coñecía, díxolle que era a herba de namorar. Manuela non puxo moito interese nesa lenda, pois nese intre non precisaba ningún tipo de amorío, tan só quería vivir intensamente cada momento, pois todo era novo para ela. Aínda así, gardou aquela herba no peto, con moito coidadiño de que non se esmagara para poder plantala na súa horta. Outro home vendía unhas figuriñas feitas con migas de pan atadas con un fío, pareceulle ben curioso e preguntou todo o seu significado. El, amigablemente, faloulle de cada peza, á que chamaban “Sanandresiños”, e entregoulle unha, a cal desexou desde o primeiro momento colocar na súa casa.

Dende aquel día, fixo a promesa que volvería todos os anos da súa vida para adorar o Santo. E así foi, peregrinou a Santo André unha vez o ano durante toda a súa longa vida. Dedicouse sempre á labranza, viviu feliz cultivando a terra, tivo dous fillos,

ensinoulles os valores da vida e a importancia de coidar a terra. Ademais, pasou a súa sabedoría tamén os seus netos, entre os cales teño o pracer de atoparme, e cos que todas as noites rezaba. E como non, na cabeceira da súa cama sempre penduraba un “Sanandresiño”. Manuela finou con noventa e oito anos. Non deixou nada material neste mundo, simplemente deixou a terra preparada para un novo cultivo. Esperamos, de todo corazón, saber aproveitala.

Grazas Manuela.

TITULO: A peregrinación de Manuela.

AUTORA: Lady Garita.